Ao leste de Compostela
álzase o monte Viso. A súa historia arrinca coa chegada dos romanos, que o
tomaron como referente para marcar, xunto co Monte Pedroso, un dos eixos da
planificación urbanística do asentamento que proxectaban levantar no val entre
ambos cumes. Máis adiante, as súas ladeiras foron aproveitadas polos pobos altomedievales para os traballos
agrícolas. Cando comezaron as
peregrinacións a Compostela no século X, tras o descubrimento dos restos do
Apóstolo, unha variante do Camiño Francés entraba por estas ladeiras. E, xa nos
séculos XIX e XX, para o establecemento de fábricas de
curtidos e a explotación mineira.
Desde finais do 2020,
os camiñantes poden achegarse ao mundo mítico dos nosos devanceiros percorrendo
unha senda mitolóxica, poboada por
representacións de diversos seres fabulosos da tradición oral galega creadas
por José Manuel Méndez, artista nado en Santiago de Compostela, no ano 1956.
Inicia a súa carreira profesional no ano 1972, obtendo o primeiro premio de
pintura no XVI Certame Nacional Xuvenil
de arte celebrada na Coruña. Ao longo da súa carreira realiza creacións de
pintura, escultura, fotografía ou teatro. É autor, por exemplo, da restauración
dos tradicionais cabezudos composteláns, da creación da figura do Meco para o Entroido ou do deseño da
fachada neogótica para os lumes do
Apóstolo. E agora, tamén, das figuras que os visitantes da Senda poden
descubrir no Monte Viso.
Coa mitoloxía, os nosos
antepasados tentaban darlle unha explicación a un universo cheo de enigmas e
fenómenos naturais e tamén relatar lendas ou historias que se ían transmitindo
de xeración en xeración.
Pódese acceder ao monte
desde a Cidade da Cultura ou polos camiños do lugar de O Viso e da parroquia de
Aríns. No seu cume revélase unha vista limpa do horizonte cunha excelente
perspectiva panorámica da cidade e da súa Catedral
Feitas as
presentacións…
anímasche a facer o percorrido?