Ao leste de Compostela álzase o monte Viso. A súa historia arrinca coa chegada dos romanos, que o tomaron como referente para marcar, xunto co Monte Pedroso, un dos eixos da planificación urbanística do asentamento que proxectaban levantar no val entre ambos cumes. Máis adiante, as súas ladeiras foron aproveitadas polos pobos altomedievales para os traballos agrícolas. Cando comezaron as peregrinacións a Compostela no século X, tras o descubrimento dos restos do Apóstolo, unha variante do Camiño Francés entraba por estas ladeiras. E, xa nos séculos XIX e XX, para o establecemento de fábricas de curtidos e a explotación mineira.
Desde finais do 2020, os camiñantes poden achegarse ao mundo mítico dos nosos devanceiros percorrendo unha senda mitolóxica, poboada por representacións de diversos seres fabulosos da tradición oral galega creadas por José Manuel Méndez, artista nado en Santiago de Compostela, no ano 1956. Inicia a súa carreira profesional no ano 1972, obtendo o primeiro premio de pintura no XVI Certame Nacional Xuvenil de arte celebrada na Coruña. Ao longo da súa carreira realiza creacións de pintura, escultura, fotografía ou teatro. É autor, por exemplo, da restauración dos tradicionais cabezudos composteláns, da creación da figura do Meco para o Entroido ou do deseño da fachada neogótica para os lumes do Apóstolo. E agora, tamén, das figuras que os visitantes da Senda poden descubrir no Monte Viso.
Coa mitoloxía, os nosos antepasados tentaban darlle unha explicación a un universo cheo de enigmas e fenómenos naturais e tamén relatar lendas ou historias que se ían transmitindo de xeración en xeración.
Pódese acceder ao monte desde a Cidade da Cultura ou polos camiños do lugar de O Viso e da parroquia de Aríns. No seu cume revélase unha vista limpa do horizonte cunha excelente perspectiva panorámica da cidade e da súa Catedral
Feitas as presentacións…
anímasche a facer o percorrido?
Os mouros. Pobo do inframundo, con aparencia humana ou de xigante, escuros e en ocasións deformes, que constrúen e habitan as mámoas ( túmulos megalíticos), castros e dólmenes. Moran nun mundo paralelo ao dos vivos e gardan fabulosos tesouros. Ás veces teñen tratos cos humanos, que non sempre saen ben parados.
Breogán. O rei mítico dos celtas galegos, fundador da cidade de Brigantia e impulsor da torre desde a cal o seu fillo, Ith, divisou a illa de Irlanda. Breogan e Ith darán orixe á liñaxe celta desta illa, os milesios.
O Nubeiro. Xigante morador dos aires e responsable das tormentas e tempestades. Vestido con peles negras, ás veces baixa á terra e confúndese coa xente, pero o nubeiro mítico viaxa sobre as nubes e coas súas zocas produce tronos. Asóciase a todo o que teña que ver coa néboa, os tronos, os raios ou a choiva forte e débese ter cautela para non invocalo sen querer.
A coca. Animal monstruoso con corpo de dragón, ás semellantes a un morcego e grandes dentes que xorde do mar para raptar ás mozas máis fermosas de Redondela.
A Lamia. Criatura monstruosa feminina, mestura de muller e serpe, que habita nas augas de ríos, fontes e mananciais. Relaciónase co pobo dos mouros e considérase de natureza perigosa.
Os biosbardos. Os biosbardos son criaturas de hábitos nocturnos e fuxidíos, e por tanto non se coñece unha descrición precisa do seu aspecto. Sábese deles que habitan nos bosques e que dan boa sorte a quen consegue atrapalos. Coñécense tamén co nome de gazafellos, así como outras variantes deste termo.
O Gatipedro. Animal fabuloso con aspecto de gato, pero cun corno que sae da súa cabeza. É, como o tardo, causante de malestar nocturno, pois provoca que os nenos mollen a cama mentres dormen.
A moura. Dentro do pobo dos mouros prevalece a figura feminina. Ás veces preséntase como unha moza de gran beleza e custodia de tesouros. Outra, como unha anciá construtora de megalitos. Son obra súa os dólmenes e menhires e tamén fenómenos atmosféricos como o arco da vella. Son mulleres moi fermosas e dotadas dunha forza sobrenatural, mostranse ao amencer en fontes ou en ríos.
O Tardo. Trasgo pequeno de cor verdella e ollos grandes e redondos, máis malvado que outros trasgos. Senta sobre o peito dos dormentes para causarlles dor e provocarlles malos soños.
O Urco. Un animal fantástico, unha especie de can negro con grandes cornos que arrastra unha grosa cadea. Contan que é un demo que chucha as almas, sobre todo ás persoas envexosas e ruíns, e fannos todo ou mal que poden.
A meiga. As meigas son mulleres herdeiras dos antigos rituais e crenzas máxicas. Coñecen a maxia e as artes ocultas, a adiviñación e os ensalmos. Son tamén coñecedoras da natureza e curandeiras tradicionais ás que se acode para curar certas doenzas, tanto físicas como espirituais, como o mal de ollo. Hai un gran número delas, cada unha con diferentes poderes. É fácil confundilas con bruxas pero, a diferenza delas, estas sempre actúan con maldade e participan en aquelarres.
A Senda Mitolóxica do Monte Viso conta cunha nova forma de gozala: da man da aplicación "O misterio do Monte Viso", un xogo de realidade aumentada para descubrir os segredos dos seres que alí habitan.
A través dunha aplicación móbil de realidade aumentada pódese interactuar cos seres mitolóxicos que atopamos no monte. Temos que resolver un misterio: quen é a estraña criatura que ten ameazado o Monte Viso e aterroriza ao mismísimo Rei Breogán.
Percorreremos o monte e, a través da cámara do teléfono, iremos localizando a cada un dos personaxes, que nos achegará pistas para resolver o misterio.
Ánimo, é realmente divertido.
Nós queremos despedirnos agradecendo ao noso amigo e guía Joaquín Rubal que nos fixo aínda máis amena a visita co seu profundo coñecemento. Ata a próxima Joaquín.
Tamén queremos chamar a atención aos de sempre, a aqueles que non poden ver as figuras como son e téntanas estragar con pintadas de mal gusto ou, simplemente, mutilándoas e con iso privando de ver a obra completa.
Para estas persoas, que non son moitas, pero aínda existen, pedirlles que xa abonda. Conservemos a natureza, a cultura, a nosa mitoloxía, o noso patrimonio, sen máis aditivos que danan a vista.